Sobre o lanzamento de Oblea
Un anuncio persoal antes da publicación da miña segunda novela
X. M. FERRO FORMOSO
11/25/20251 min read


Nos últimos días recibín numerosas mensaxes preguntando pola data de lanzamento de Oblea, a miña segunda novela. Quero responder do xeito máis transparente posible e, ao mesmo tempo, compartir con vós unha decisión que para min foi importante.
Decidín aprazar a saída de Oblea.
O motivo é estritamente persoal.
Meu pai estivo recentemente hospitalizado e atópase agora en proceso de recuperación logo dunha intervención cirúrxica. A súa saúde, como podedes imaxinar, é a miña prioridade absoluta. E, aínda que o mundo literario adoita avanzar ao seu propio ritmo, para min é fundamental que meus pais poidan estar presentes na presentación desta nova obra. Oblea forma parte dun camiño no que eles tamén me acompañaron durante meses.
Por este motivo, Oblea verá a luz nunha data aínda por determinar do primeiro semestre de 2026. Non teño dúbida de que chegará no momento axeitado, coa calma, o acougo e a ilusión que merece tanto o libro como quen estades agardando por el.
Só podo darvos as grazas. Grazas pola paciencia, pola proximidade, polas mensaxes de ánimo e polo cariño que sempre amosáchedes cara ao meu traballo e cara a min. É un privilexio percorrer este camiño acompañado de lectoras e lectores coma vós.
Unha aperta grande a tod@s. 💛