Poltergeist e premonicións na Galiza de Terror Mortis
Unha ollada antropolóxica ás sombras, aos ruídos e ás presenzas que acompañaron a vida doméstica galega durante séculos e que en Terror Mortis anuncian o destino tráxico de Eusebio Vilar.
X. M. FERRO FORMOSO
9/14/20252 min read


Galicia é un territorio no que o visible e o invisible conviven de xeito natural na vida cotiá. Dende a antropoloxía, estes relatos de sombras que axexan, golpes na porta sen explicación e presenzas que se fan notar no interior das casas poden interpretarse como unha expresión da relación entre a comunidade e o seu espazo doméstico. A casa, na cultura tradicional galega, non é só un lugar físico. É un organismo vivo, depositario da memoria familiar e do paso das xeracións. Nos seus muros inscríbense non só os fitos da vida —nacementos, vodas, defuncións—, senón tamén os medos colectivos.
Cando alguén conta que viu unha sombra cruzar o corredor ou que escoitou pasos no piso de arriba, aínda sabendo que está só, está transmitindo algo máis ca un susto. Está exteriorizando a tensión entre o mundo dos vivos e o dos mortos, entre o que se comprende e o que fica fóra da razón. Estes fenómenos, que hoxe poden explicarse como correntes de aire, resonancias acústicas ou simples ilusións ópticas, funcionaban no pasado como advertencias, como relatos que cohesionaban a comunidade arredor dun mesmo misterio. A experiencia do estraño era compartida e convertíase en narración na taberna, na lareira ou nos traballos comunais, reforzando os lazos veciñais e mantendo viva a memoria de quen xa non estaba.
En Terror Mortis, esta dimensión cultural atopa o seu reflexo no personaxe de Eusebio, o secretario municipal, pouco antes da súa morte. Falando cos seus veciños na taberna, confesa ter sentido presenzas na súa casa, ter escoitado ruídos inexplicables pola noite e visto sombras na penumbra. As súas palabras non son só as dun home asustado; son o eco dunha tradición que interpreta eses sinais como presaxios dun final próximo. Na novela, estes fenómenos convértense en sinais premonitorias que permiten ao lector afondar na mentalidade da Galicia rural de finais do século XIX, onde o sobrenatural e o cotián se entrelazaban sen contradición.
Analizar estes fenómenos desde esta perspectiva recórdanos que non son simples supersticións, senón parte dun patrimonio inmaterial que explica como as comunidades conviviron coa incerteza, o medo e a morte. Quizais por iso estas historias seguen fascinándome, porque, aínda que vivamos rodeados de tecnoloxía e luz eléctrica, estou convencido de que algo en nós continúa conectado a esa outra realidade e, en ocasións, podemos chegar a sentila.