«O romance de Astarté»: unha historia de amor convertida en pedra
Unha lenda de amor e traxedia nos cantís de Bares, entre o mar, a pedra e a tradición oral.
X. M. FERRO FORMOSO
10/27/20263 min read


Este verán presentei tres relatos ao certame #HoxeEscriboEn2026, organizado por Turismo da Deputación da Coruña. Un deles, «O peite de prata», acadou o terceiro premio, unha noticia que me fixo moitísima ilusión.
Pero o curioso é que, dos tres relatos que enviei, «O romance de Astarté» era o meu favorito e polo que máis apostaba. Pensaba que era o que máis posibilidades tiña de conseguir algún recoñecemento e, ao final, trabuqueime.
A historia está inspirada na Muller Mariña de Bares, unha curiosa formación rochosa situada nos cantís da Atalaia, no concello de Mañón, cuxo perfil lembra o rostro dunha muller mirando cara ao mar.
Segundo a tradición, os antigos mariñeiros da zona considerábana unha especie de faro espiritual. A súa expresión e a maneira en que as ondas batían contra a rocha servíanlles para presaxiar se o mar estaría en calma ou se se achegaba unha treboada.
Aquela imaxe levoume a imaxinar a historia de Astarté, unha princesa moura namorada de Adón, un humilde cazador, e a construír arredor deles unha lenda de amor, traxedia e espera eterna.
Pero o que máis desfrutei foi compoñer un romance en verso e integralo dentro do relato, poñéndoo en boca dun avó que lle conta a historia á súa neta. Quería que soase coma esas vellas historias que se transmitían de xeración en xeración e que acababan formando parte da tradición oral.
Foi todo un reto, pero tamén unha das experiencias de escritura coas que máis desfrutei.
Hoxe apetéceme compartir convosco «O romance de Astarté». Espero que desfrutedes léndoo tanto como eu desfrutei escribíndoo.
O romance de Astarté
O avó xa non está. Marchou. Cecais estea a mirarme agora dende ese mundo onde viven as historias que algún día me contou. Só ficou a súa voz rouca, gastada polo tabaco e curtida polo salitre de mil mareas. Aínda a escoito resoando nos meus ouvidos, coma cando eu lle pedía que me falase da muller de pedra que miraba cara ao mar.
—Míraa, Sabeliña —dicía o avó, colléndome a man e erguéndoa cara ao horizonte—. Ese penedo foi un día unha princesa moura.
Nas rochas da Atalaia eu apenas distinguía unha sombra. Teimaba en vela peitear cabelos que non existían, en adiviñar ollos onde só había ocos escuros e beizos onde o vento salgado quebrara a pedra. Daquela aínda non sabía que hai dores capaces de lle dar forma ao mundo; que o amor é inmortal e vive para sempre entre os penedos coma unha lingua antiga que xa ninguén entende.
Entón o avó baixaba a voz e pronunciaba o seu nome: Astarté de Bares, a Muller Mariña, princesa moura que vivira naquelas terras nos tempos en que os barcos marchaban ao sur co ventre cheo de estaño, ouro e prata, e regresaban con púrpura de Tiro, ánforas, contas de vidro e deuses enchoupados de salitre.
Mais Astarté non miraba aquelas alfaias. Só tiña ollos para Adón, un cazador pobre que tiña por herdanza un vello arco de freixo e un coitelo con mango de óso de balea. Coñeceuno un verán, cando el lle volvera unha prenda esquecida no areal de Vilela, co torso mollado polo mar e o cabelo louro revolto polo vento. Dende aquela, o amor medroulles por dentro como medran as raiceiras: ás escuras, en silencio, sen pedir permiso.
E neste punto da historia o avó calaba un intre, collía aire e mirando cara o mar recitaba:
Cando meu pai soubo do amor,
pechou portas, luz e día:
—Non será para un sen nome
a miña filla Astartía.
Mais baixou do monte escuro
a besta na que ninguén cría;
rachaba campos e valos,
roubaba o pan e a alegría.
Levaba nos cairos brancos
a carraxe da rebeldía,
e nos ollos unha noite
que ningún lume vencía.
—Quen matase ao monstro do monte
a miña man tomaría.
Subiu Adón pola fraga
sen máis compaña ca a vida,
co arco vello de freixo
e o noso amor por única guía.
No cantil atopou a besta,
onde a terra se rompía;
tensou a corda do arco e
buscou onde o sangue ardía.
Mais unha póla pequena
torceu a frecha ferida,
e o destino abriu os dentes
na boca daquel día.
Cantas veces te agardei,
cantas te agardaría,
co mar aberto nos ollos
e a morte na penedía.
Cantas veces te chamei,
cantas te chamaría,
preguntándolle ás mareas
se algún día volverías.
O mar gardou o teu nome,
o vento a túa ferida;
eu quedei mirando as ondas
por non morrer sendo viva.
Cantas veces te agardei,
cantas te agardaría,
ata facerme de pedra
na beira da noite fría.