Espiritismo e mesas parlantes en Terror Mortis
As sesións espiritistas que fascinaban á burguesía do século XIX
X. M. FERRO FORMOSO
11/5/20252 min read


A mediados do século XIX, Europa viviu un auténtico andazo espiritista. As clases acomodadas organizaban reunións nocturnas en salóns iluminados por candeas, onde médiums e curiosos buscaban comunicarse co alén mediante golpes, voces e mesas que xiraban soas. A esta práctica chamóuselle table-turning ou “mesa parlante”, e durante décadas foi tanto unha moda social como unha ventá ao misterio.
As “mesas parlantes” eran, en aparencia, mobles comúns. Pero durante as sesións espiritistas, os asistentes colocaban as mans sobre delas agardando que os espíritos respondésen ás súas preguntas con movementos ou golpes. O que hoxe entendemos como un fenómeno psicolóxico colectivo, ou mesmo como un simple truco de suxestión, interpretouse daquela como unha proba da existencia de vida despois da morte.
Un dos casos máis célebres tivo lugar en 1853, en París, cando o propio Allan Kardec, considerado o pai do espiritismo moderno, presenciou por vez primeira unha sesión de table-turning. Aquel encontro impresionouno tanto que decidiu dedicar os anos seguintes a estudar o fenómeno, recompilando testemuños e experiencias que acabaría plasmando na súa obra máis coñecida, O Libro dos Espíritos (1857), orixe do chamado “espiritismo kardecista”, que se espallaría rapidamente por toda Europa e América Latina.
En cidades como París, Londres ou Madrid multiplicáronse os círculos espiritistas. Intelectuais, aristócratas e científicos acudían a eles cunha mestura de curiosidade e escepticismo. En España, as primeiras novas sobre estas prácticas chegaron a través da prensa de 1853, e axiña se estenderon entre homes e mulleres das clases máis notables, fascinados polas promesas de comunicación cos defuntos.
En Terror Mortis, o doutor Alfonso Neira Lafontaine ten noticia da celebración dunha destas reunións na vila de Pontes. A través do relato de Francisca, o lector adéntrase nunha sesión organizada na rebotica do doutor Illade, onde varios veciños empregan unha mesa espiritista traída dende Madrid para contactar co espírito do secretario recentemente falecido.
A escena combina o ton racional do protagonista coa superstición e o medo colectivo que impregnan a Galicia rural de finais do século XIX. A suposta aparición dun espírito que lanza unha maldición sobre os presentes marca un punto de inflexión na trama: o misterio espésase, e o lector percibe que trala teatralidade daquela sesión pode agocharse algo máis terrenal… e máis perigoso.
O espiritismo funciona na novela como espello do conflito central de Terror Mortis: a loita entre a razón científica do doutor Lafontaine e a forza persistente das crenzas populares. A través das mesas parlantes, o lector adéntrase no ambiente dunha época na que a fronteira entre ciencia e superstición era aínda difusa, e onde os mortos —reais ou imaxinarios— podían volver falar dende o outro lado.