Escenas do crime en Terror Mortis: o núcleo tradicional do Freixo

Historia, fe e lenda no lugar onde todo comeza

X. M. FERRO FORMOSO

11/6/20253 min read

A primeira vítima en Terror Mortis aparece no adro da igrexa de San Xoán do Freixo (As Pontes de García Rodríguez – A Coruña), un escenario cargado de historia e simbolismo que escollín de maneira deliberada para situar o inicio da trama. Este núcleo tradicional é un dos conxuntos arquitectónicos máis singulares do municipio das Pontes; respira o ambiente rural, a pedra antiga e a memoria colectiva que envolven de misterio toda a novela.

O corazón do Freixo é a igrexa de San Xoán, un templo que afunde as súas raíces no século XII. Aínda que de orixe románica, as reformas dos séculos XVII e XVIII transformaron o seu aspecto coa incorporación de dúas naves laterais, dun pórtico e dun campanario barroco reconstruído en 1880 tras ser alcanzado por un raio. Aquel esforzo colectivo, financiado polos veciños emigrados en Cuba, resume a profunda unión entre fe, traballo e emigración que marcou toda unha xeración galega.

Fronte ao templo érguese un cruceiro-calvario de 1899, único no municipio. Na súa base aparecen talladas as escenas da Paixón de Cristo, mentres que o capitel exhibe cabezas de anxos e as figuras do Crucificado e da Virxe da Piedade. A súa minuciosa iconografía e a inscrición co nome do doante, José Bellas, evocan a devoción e o orgullo dunha comunidade que atopaba na pedra a súa redención espiritual.

Moi preto consérvase a casa reitoral, escenario dun episodio lendario: a captura do célebre bandoleiro Toribio Mamed Casanova, acontecida no ano 1904. Foi o propio párroco Basilio Poupariña quen, segundo relatan as crónicas, lle preparou unha emboscada nese mesmo edificio. A fazaña valeulle o recoñecemento da viúva de Afonso XIII e o seu nomeamento como capelán da Casa Real.

Na contorna inmediata erguíanse o antigo palco da música e o osario parroquial (hoxe desaparecido), construcións ambas de elevado valor etnográfico. O palco foi construido polos veciños en 1953, mentres que o osario, adxacente, nacera da necesidade de baleirar o cemiterio tras unha epidemia que diezmou a parroquia a finais do século XIX.

Neste marco de historia e superstición sitúo o achado do secretario municipal. O rumor das campás, o silencio do adro e a presenza do cruceiro antigo de 1783, co seu Cristo de proporcións humildes e a súa Virxe Dolorosa no reverso, crean a atmosfera perfecta para un crime que semella querer dialogar cos mortos. Alí, entre a pedra e a néboa, o doutor Lafontaine inicia a súa investigación, enfrontando a razón científica á sombra persistente do misterio.

A escasos metros do palco atópase a taberna do Freixo, situada nunha casa adxacente que, durante xeracións, foi punto de encontro e centro de vida social para os veciños. Aínda que non se sabe con certeza se o local existía xa na época na que transcorre a historia, todo apunta a que si, dada a relevancia histórica deste enclave, que no século XIX chegou a contar con máis habitantes ca o propio núcleo urbano das Pontes. En Terror Mortis, a taberna desempeña un papel clave á hora de esclarecer os termos do falecemento do secretario municipal, converténdose en escenario de confidencias, sospeitas e revelacións que iluminan os recunchos máis escuros do misterio.