Camiñando por novembro entre a incertidume e a esperanza
Encontros literarios e novos lectores iluminaron un dos meses máis escuros da miña vida
X. M. FERRO FORMOSO
11/21/20252 min read


Novembro foi un mes de contrastes. Comecei a percorrelo camiñando polas tebras da desazón, coa incerteza da perda chamando á miña porta e obrigándome a reflexionar, a ollar a vida dende outro ángulo. Mais, por sorte, acabou abríndose paso unha claridade inesperada, da man da esperanza, que culminou deixándome un moi bo sabor literario.
Iniciei o mes na vila de Ortigueira (A Coruña), na tempestiva tarde do venres 7, rodeado de amigos e coñecidos que se achegaron para descubrir as historias que se agochan en cada unha das páxinas de Terror Mortis. A invitación realizada polos bos amigos da Asociación Terras do Ortegal, Xosé María Torres Bouza e Manel Bouzamayor Riola, brindoume a oportunidade de dar a coñecer as aventuras do doutor Lafontaine nun espazo singular como é a Biblioteca Municipal Juan Fernández Latorre, un fermoso edificio concibido con fins educativos polo arquitecto modernista Julio Galán na primeira década do século XX.


Agradezo de corazón a todas as persoas que se achegaron, pola súa atención, polas súas preguntas e por esa calidez tan característica de Ortigueira. E o meu recoñecemento para o equipo da biblioteca, que fixo que todo fluíse con naturalidade, creando un ambiente perfecto para falar de literatura e de memoria.
A outra cita inesquecible do mes tivo lugar na miña vila natal, As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), no Club de Lectura da Biblioteca Municipal Rivera Rouco. Alí a experiencia foi diferente: non se trataba de presentar a novela, senón de escoitala a través de quen xa camiñara polas súas páxinas.
Conversar con lectoras e lectores que pensaran en Lafontaine, en Piñeiro, no Galés… que se detiveran en detalles que eu case esquencera, ou que se emocionaran con ambientes e lugares da súa propia infancia, foi pra min un agasallo inesperado. Estes diálogos son a proba de que un libro nunca remata de escribirse por completo: vive no pensamento das lectoras e dos lectores e continúa medrando con cada lectura. A todas e a todos, grazas pola sinceridade, polas vosas reflexións e polo afecto amosado cara a Terror Mortis.